A área de Medio Rural realiza traballos de acondicionamento e mellora de estradas municipais en cinco núcleos do concello

LugoXa
A área de Medio Rural está a realizar traballos de acondicionamento de estradas municipais co obxectivo de incrementar a seguridade
edil medio rural
31 Ago 2022

A área de Medio Rural, que dirixe o tenente de alcaldesa e voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, está a realizar traballos de acondicionamento e mellora de estradas municipais en cinco núcleos do concello, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria nelas antes da chegada do inverno, cando as inclemencias meteorolóxicas dificultan os desprazamentos.

Así, o concelleiro, supervisou esta mañá os traballos de rexeneración de firmes e eliminación de fochancas que a Brigada municipal está a executar neste momento no núcleo do Vilar, parroquia de Santa Eulalia de Bóveda. Tarefas que se unen ás xa realizadas en Recimil, Conturiz, a Louzaneta e Monte de Meda, en resposta ás necesidades observadas e ás demandas dos veciños e veciñas.

“Trátase de labores de mantemento e conservación de vías municipais que se unen a outras como a colocación de tubos de drenaxe, canalizacións de auga, espellos e sinais indicativas, así como bases de contedores de lixo, entre outras, e que se realizan permanentemente ao longo de todo o ano”, explicou o edil.

Con estas actuacións, o executivo de Lara Méndez busca manter no mellor estado posible as infraestruturas do municipio e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas das parroquias do rural lugués.

0.096739053726196