A área de Muller dá soporte á conciliación de 350 familias lucenses
A área de Muller do Concello de Lugo ofrece soporte, actualmente, á conciliación de 350 familias a través do programa Aprende Xogando.
Esta iniciativa busca axudar ás nais e pais a compatibilizar mellor, durante todo o ano, a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas, facilitándolles unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, sempre nun espazo seguro.
A Administración local pon cada tarde, de luns a venres, entre as 16:00 e até as 20:30 horas, á súa disposición os Centros de Convivencia da Milagrosa, Maruja Mallo e Uxío Novoneyra que durante as vacacións de Nadal, Semana Santa e verán se amplía tamén á Casa da Música e en horario de mañá (de 09:00 a 14:00 horas).
O programa posibilita, á súa vez, a contratación de 8 monitores, 12 nos períodos vacacionais, cos que as e os máis pequenos non só desfrutan de actividades de entretemento como xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades etc, senón que tamén aproveitan parte da súa estancia para realizar as tarefas escolares, converténdose así nun apoio educativo moi importante para eles e elas.
Debido a situación epidemiolóxica que se está a vivir houbo limitacións de aforo que obrigou a reducir o número de prazas dispoñibles até as 463.
Actualmente a capacidade do programa está completa ao 100%.
Este programa trata de habilitar recursos públicos para as familias, favorecendo a súa organización cotiá, especialmente nun momento de dificultade onde o coidado dos fillos e fillas debe conxeniar co cumprimento das garantías sanitarias e coas obrigas la borais das e dos proxenitores.
Esta prestación ten un custo para as familias en torno aos 20 euros mensuais, no caso do primoxénito/a, con descontos para os segundos fillos/as e exencións para o/a terceiro e posteriores.