A área de Urbanismo de Lugo atende unha media de 50 citas semanais
A área de Urbanismo do Concello de Lugo continúa a ofrecer o servizo de atención presencial recibindo unha media de 50 citas semanais. Esta cifra engloba as solicitudes atendidas desde Arquitectura, Urbanismo e Licencias. Do máis de medio centenar de consultas, 30 corresponden propiamente a Arquitectura mentres que as outras 20 repártense entre permisos de actividades e obras menores. O prazo de concesión destas citas, que se realizan todos os martes en horario de mañá, e inferior a dúas semanas.
O equipo de atención presencial está formado por 5 técnicos distribuídos por quendas que se reforzan cando é preciso. A solicitude das citas tramítase de forma telefónica, xa que unha parte considerable dos casos soluciónanse xa por esta vía sen que sexa necesario que a persoa interesada teña que desprazarse ata as dependencias municipais. Ademais, sempre que unha licenza recibe un informe desfavorable, cítase presencialmente á persoa promotora para comunicarlle o motivo e indicarlle os pasos a seguir para resolver as deficiencias.