A área recreativa da Peneda será posta en valor polo Concello de Monterroso
A área recreativa da Peneda, en Monterroso, será rehabilitada polo Concello de Monterroso e a Xunta de Galicia. Este espazo de ocio localizado ao carón do río Ulla é moi visitado pola veciñanza, xa que conta cunha praia fluvial, piscinas municipais e área de esparexemento, entre outros servizos.
Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Rocío Seijas, que mantiveron unha reunión esta semana para abordar este e outros asuntos de interese municipal.
Neste sentido, a rexedora explicoulle que o Goberno local está a traballar nun proxecto de remodelación e mellora deste complexo turístico-fluvial co obxectivo de poñelo en valor e potenciar os seus usos públicos. Ademais, subliñou o entorno privilexiado no que se localiza este espazo, bañado polo Ulla e rodeado de carballos centenarios.
Tras felicitar á alcaldesa pola iniciativa, a conselleira comprometeuse a analizar con detalle o proxecto municipal para a área da Peneda e asegurou que o seu departamento estudará a posibilidade de colaborar no mesmo.