A área sanitaria de Lugo impulsa unha campaña sobre o cancro de próstata con actividades

A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos desenvolverá, a partir deste domingo, 8 de xuño, unha serie de actividades de concienciación co gallo da conmemoración do Día do Cancro de Próstata, que se celebra a vindeira semana.
O obxectivo desta campaña é visibilizar esta enfermidade e destacar a importancia tanto da prevención como da detección precoz.
A iniciativa foi presentada polo xerente da área, Ramón Ares, acompañado polo xefe do servizo de Uroloxía do HULA, Javier Casas Nebra, e o responsable de Oncoloxía do distrito sanitario, Sergio Vázquez Estévez. Tamén participaron na presentación os responsables de varios departamentos colaboradores, como Carlos López Somoza, director de procesos asistenciais, e Fernando Fernández Lamelo, director asistencial.
As actividades comezarán cunha andaina pola Muralla de Lugo, cun percorrido de 2,117 quilómetros que sairá ás 11:00 horas da Porta Falsa. Segundo explicou o doutor Casas, a elección da andaina, e non dunha carreira, responde ao perfil maioritariamente sénior dos pacientes con esta patoloxía e á vontade de poñer en valor os beneficios da actividade física na recuperación.
Do luns 9 ao mércores 11 de xuño celebraranse diferentes charlas informativas en centros como o HULA, a biblioteca, e os centros de saúde de Fingoi, Praza de Ferrol e o CIS, sempre ás 12:00 horas. Ademais, o martes 10 haberá sesións tamén ás 11:00 horas nos hospitais da Mariña e de Monforte.
Durante estas xornadas, tamén se habilitarán espazos para a realización de probas de PSA, unha proteína relacionada coa detección do cancro de próstata. O doutor Casas animou a todos os homes maiores de 50 anos a achegarse a estes puntos para coñecer se son candidatos á análise.
Na área sanitaria de Lugo realízanse ao redor de 500 biopsias de próstata ao ano, das cales arredor da metade derivan nun diagnóstico de cancro. Desde 2021, Lugo conta co sistema Davinci para intervencións cirúrxicas, cunha media de 130 a 150 operacións anuais. A supervivencia dos casos non metastáticos a dez anos é do 99 %, e mesmo nos casos con metástase, a esperanza de vida supera os seis anos.