A artista Cris Balboa comeza a súa residencia artística no Vello Cárcere de Lugo
A artista Cris Balboa inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, en Lugo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Vello Cárcere de Lugo acolle ata o venres 24 de maio, a segunda destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta da creadora galega Cris Balboa que ten por título Sinte, un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Cris Balboa ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, o venres, 24 de maio, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, a creadora participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
A concelleira Maite Ferreiro indicou que o Goberno de Lugo apoia esta actividade co obxectivo de "fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística luguesa". Do mesmo xeito, preténdese normalizar o concepto de residencia artística, algo "fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galiza, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo adicado", explicou a edil de Cultura.
Sobre os proxectos
Proximamente, O Vello Cárcere acollerá a investigación performativa Hydra do creador uruguaio afincado en Lisboa Lucas Damiani. Hydra é un proceso de investigación que vai na procura dun encontro íntimo con materias en estado de transformación; unha paisaxe líquida de corpos, sons e materias que revelan o desexo e as súas oscilacións co xeo como elemento de estudo.
Sinte é un proxecto coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Unha viaxe desde a fraxilidade para desarmar as corazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todas somos seres sensibles vibrando en frecuencias diversas. Cris Balboa relata con paixón o seu conflito co mundo que nos rodea desde un punto de vista singular e persoal, buscando influír nos estados de ánimo colectivos a través da música electrónica. Sinte proponse como un lugar de expresión nunha sociedade cada vez máis afeita á frialdade das transaccións económicas, desbordada pola velocidade terminal que nos fai menos conscientes da nosa realidade.