A artista Tania González explora o descanso como resistencia escénica no MIHL no ciclo ‘Atopémonos Bailando’

O ciclo de residencias artísticas ‘Atopémonos Bailando’, promovido pola Área de Cultura do Concello de Lugo en colaboración co Colectivo Glovo, continúa esta semana coa participación da artista asturiana Tania González, quen desenvolve o seu proxecto STILLING / sobre el bailar como descanso nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).
A estadía culminará o venres 12 de xullo ás 19.00 horas cunha mostra aberta ao público na que a creadora compartirá os avances do seu traballo escénico, centrado na investigación sobre o corpo exausto e o descanso entendido como forma de resistencia. A acción será acompañada pola música en directo da compositora Sara Muñiz e propón un diálogo sensorial e afectivo co espazo arquitectónico do museo.
STILLING sitúase entre a quietude e o movemento, e cuestiona temas como a hiperaceleración social, a produtividade imposta ou a fraxilidade dos corpos contemporáneos. Longe de rexeitar o xesto corporal, esta proposta reivindica a danza como potencialidade e dereito á pausa, ofrecendo unha nova ollada sobre a escena e os corpos que a habitan.
Na súa cuarta edición, ‘Atopémonos Bailando’ seleccionou un total de 13 proxectos procedentes de Galicia, outras comunidades do Estado e o panorama internacional. O ciclo busca promover a creación contemporánea na danza e nas artes do movemento, apostando pola investigación, o intercambio cultural e a conexión directa co público mediante mostras abertas, accións formativas e espazos de diálogo.
As residencias desenvólvense no MIHL entre os meses de abril e novembro, ofrecendo acompañamento, visibilidade e recursos a propostas innovadoras que abordan cuestións sociais actuais a través da experimentación escénica.