A Asociación A Fortaleza Sport organiza a segunda edición da proba de BTT A Fortaleza

A Asociación Cultural e Deportiva A Fortaleza Sport organiza a segunda edición da proba de BTT A Fortaleza, que se celebrará este sábado, 17 de maio, en Castroverde.
O evento, que xa conta con todas as prazas cubertas, con 350 inscritos, consiste nunha proba de gravel, cun percorrido de 67 quilómetros, e dúas probas de BTT, con distancias de 30 ou 50 quilómetros.
Os participantes farán un percorrido practicamente novo con respecto á edición do ano pasado, se ben a saída manterase na praza do Concello e a meta no castelo de Castroverde.
Ademais do estritamente deportivo, a xornada contará tamén coa actuación de grupos de música tradicional e coa celebración dunha comida de confraternidade animada por un DJ.
No evento tamén haberá unha food truck da campaña ‘Galicia sabe Amar’, da Consellería do Mar, que ofrecerá degustacións gratuítas de tapas elaboradas con pescado e marisco galego e con produtos de proximidade para promover o seu consumo. Estará situada nas proximidades da liña de meta, no castelo de Castroverde, en horario de 10.00 a 15.00 horas.
Os organizadores salientan o éxito acadado na edición deste ano, que supera as expectativas ao acadar os 350 inscritos, o límite máximo que se establecía.