A Asociación Agraria de Galicia apoia o proxecto de Altri en Palas se conta "con todas as garantías necesarias”

LugoXa
Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que lidera o proxecto Gama para a posta en marcha dunha fábrica de fibra téxtil en Palas de Rei, mantiveron unha reunión con dirixentes da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) na súa sede de Santiago de Compostela para explicarlles os detalles do proxecto e solucionar as súas dúbidas.
reunion_altri_asaga
25 Abr 2024

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que lidera o proxecto Gama para a posta en marcha dunha fábrica de fibra téxtil en Palas de Rei, mantiveron unha reunión con dirixentes da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) na súa sede de Santiago de Compostela para explicarlles os detalles do proxecto e solucionar as súas dúbidas. Durante a presentación técnica, o director do proxecto, Bruno Dapena, destacou que a planta “será a primeira do mundo que integre os dous procesos necesarios para a produción de lyocell”.

Ademais, incidiu en que integrará tecnoloxías punteiras para asegurar a sustentabilidade ambiental do proxecto “máis aló do que establece a lei”, achegará unha resposta a dous grandes problemas da industria téxtil, “como son a pegada de carbono e a xestión de residuos ao final da súa vida útil”, sinalou. O capítulo do eucalipto como materia prima do proceso centrou parte do encontro.

Neste sentido, Bruno Dapena afirmou que o proxecto “permitirá valorizar en Galicia toda a madeira que actualmente véndese fóra da comunidade autónoma por falta de mercado interior”, un punto que os directivos de ASAGA declararon de especial interese por constituír a silvicultura unha das súas liñas prioritarias de traballo na actualidade.

Neste sentido, o presidente de Asaga, Francisco Bello, e o resto de membros da xunta directiva, coincidiron na necesidade de apoiar alternativas que favorezan o aproveitamento e transformación da madeira na propia rexión. Ademais, sinalaron “que a sociedade demanda novas industrias como a que prevé impulsar Greenfiber a través do proxecto Gama, sempre que conte con todas as garantías necesarias” e destacaron a súa achega á xeración de emprego e revitalización da comarca.

Precisamente a creación de postos de traballo e as políticas de formación foron temas abordados por Olga López Arias, responsable de Recursos Humanos de Greenfiber, quen subliñou que o principal obxectivo “é tentar que os mozos da comarca non se vaian, pero tamén atraer emprego novo doutras áreas de Galicia no caso de que non podamos cubrir a nosa demanda”.

0.083110094070435