A Asociación Amigos do Patrimonio celebra os 20 anos cun encontro cheo de lembranzas e música

O Centro Sociocultural Paco Pestana acolleu a celebración do vixésimo aniversario da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, unha cita que reuniu arredor de cincuenta persoas entre socios e simpatizantes nun ambiente marcado pola emoción e o recoñecemento ao labor desenvolvido ao longo de dúas décadas.
A xornada comezou cun percorrido audiovisual pola historia da entidade, mediante a proxección de vídeos que recompilaron imaxes das numerosas actividades impulsadas desde a súa creación. Tamén se incluíron mensaxes e intervencións, tanto gravadas como en directo, de membros da asociación presentes e doutras persoas ausentes que quixeron sumarse á homenaxe compartindo lembranzas e palabras de felicitación.
Tras un xantar de confraternidade que serviu para reencontrarse e fortalecer vínculos, a celebración pechouse pola tarde cun concerto do grupo “Son de Corda”, que presentou o seu proxecto musical Na Casa Deles, poñendo un final festivo e emotivo a unha data especialmente significativa para a entidade.
O aniversario foi organizado pola Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, contando coa colaboración do Concello de Castroverde e co apoio económico da Deputación de Lugo a través da súa Área de Cultura.