A Asociación Antonio Gandoy pecha o curso coa festa xogueteira en Gomeán, no Corgo

LugoXa
O campo da Feira de Gomeán converteuse nun espazo de xogo e experimentación para os máis pequenos
Asociación-Socio-Educativa-Antonio-Gandoy
27 Xuño 2024

A  deputada de Cultura Iria Castro asistiu á festa xogueteira organizada pola Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy en Goméan, no Corgo, para pechar o curso. O campo da Feira de Gomeán converteuse nun espazo de xogo e experimentación para os máis pequenos e pequenas, que tamén desfrutaron dun concerto e dun contacontos. Con esta actividade, a entidade celebrou un curso máis o desenvolvemento da súa labor formativa, dirixida fundamentalmente a familias con nenas e nenos en idade infantil, que conta co apio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A asociación, que centra a súa actividade na organización de reunións de formación – Espazos das Familias - nas que as familias con nenas e nenos comparten coñecementos e experiencias sobre a importancia educativa dos primeiros anos, ofreceu este servizo educativo nos concellos  do Corgo, Baralla, Becerreá, Burela, Castroverde,  Foz, Friol, Láncara, Lugo , Ribadeo e Sarria.

O colectivo continúa coa labor desenvolvida durante 35 anos en Galiza por Preescolar na Casa, un proxecto pioneiro na intervención educativa na etapa infantil e na creación de materiais didácticos en galego para estas idades. A asociación toma o nome do seu promotor Antonio Gandoy e conserva o material producido durante mais de tres décadas de experiencia educativa, para ofrecelo a todas as persoas interesadas en coñecelo e estudalo.

0.15848112106323