A Asociación As Candelas de Becerreá entrega os premios do Concurso de Decorados de Nadal

A Asociación As Candelas de Becerreá deu a coñecer os gañadores do Concurso de Decorados de Nadal, unha iniciativa coa que quixo recoñecer o esforzo, a creatividade e a ilusión das persoas participantes, que contribuíron a encher o municipio de ambiente e espírito navideño durante estas datas.
Dende a entidade agradecen a implicación de toda a veciñanza e dos negocios que se sumaron á proposta, destacando a calidade e orixinalidade dos decorados presentados.
Unha vez realizado o reconto de “me gusta” das imaxes e vídeos compartidos, o premio na categoría de establecementos foi para MAPFRE Becerreá, mentres que na categoría de casa particular resultaron gañadores Diego e Rebeca. Pola súa banda, o recoñecemento á mellor casa particular de aldeas recaeu en Borja, da parroquia de Cruzul. A asociación salienta que este tipo de iniciativas contribúen a dinamizar a vida local e a reforzar o sentimento comunitario durante o Nadal.