A Asociación Auxilia Lugo cumpre 50 anos de vida
Auxilia Lugo cumpre 50 anos de vida da asociación. Medio século de traballo por mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional e revindicando a transformación social. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da concelleira de benestar social, inclusión e persoas maiores, Olga López, mantivo un encontro con Nuria Neira, delegada de auxilia, e Aquilino González, vogal de accesibilidade de Auxilia.
“Auxilia é unha asociación coa que o Concello colabora desde hai moitos anos, é un faro para nós porque nos mostra o camiño a seguir coa súa participación nos órganos que temos reglados, como o Gabinete Municipal de Accesibilidade, pero tamén coas súas campañas de concienciación xa que nos levan a experimentar como se senten as persoas con diversidade funcional e a que obstáculos se enfrontan no seu día a día”, subliñou a alcaldesa.
No encontro, a rexedora expresou a vontade do goberno municipal de manter ás colaboracións con Auxilia, como son as axudas económicas para o proxecto ‘Por aquí movémonos todos: a eliminación de barreiras e a promoción da autonomía persoal’. “Apostamos pola igualdade e pola defensa dos dereitos básicos de todos os veciños e veciñas, co fin de conseguir unha sociedade máis igualitaria, onde non existan cidadáns de primeira nin de segunda”, incidiu.
A rexedora destacou o compromiso do Concello coa accesibilidade e as oportunidades para todas as persoas en condicións de equidade. Lembrou algúns dos proxectos levados a cabo neste e no anterior mandato tales como o ascensor de Fontiñas e do Sagrado Corazón, a creación de itinerarios accesibles no casco histórico, a mellora da accesibilidade no entorno do centro de saúde de San Roque e na rúa do Outono, en Fontiñas, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña ou as peonalizacións de numerosas prazas e rúas como a praza da Milagrosa ou Quiroga Ballesteros. “Todas estas actuacións, complementáronse con outras, cun gran impacto na mellora da mobilidade, como por exemplo a colocación de varandas en distintos puntos da cidade; a sinalización de novas prazas de estacionamento para vehículos de persoas con mobilidade reducida; arranxo de pavimento e rebaixes de beirarrúas; e instalación de dispositivos sonoros en pasos de peóns”, sostivo.
Lugo traballa cara a unha inclusión plena das persoas con diversidade funcional en calquera dos aspectos que lles afectan no desenvolvemento da súa vida cotiá. Froito deste traballo constante, Lugo conseguiu avances que foron premiados recoñecementos de ámbito nacional e internacional, como o Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade (2007), a Distinción de Destino Turístico Accesible de España (2015), a Mención Especial nos Premios Europeos de Accesibilidade-Access City Award- (2016) ou a Declaración como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica (2019).
Pola súa banda, Aquilino González, quen agradeceu a colaboración do Concello, repasou a programación con motivo do 50 aniversario, e quixo destacar que se levará a cabo unha campaña en redes sociais, unha exposición con fotos sobre a traxectoria de Auxilia Lugo, así como unha xornada informativa sobre a modificación da Lei sobre a capacidade xurídica das persoas. O CB Breogan tamén quixo homenaxear á asociación polo 50º aniversario cedendo o partido desta xornada (sábado 26 de marzo) para visibilizar a labor de AUXILIA nestes anos de traballo.