A Asociación Cultural Espalladoira de Castroverde organiza actividades culturais e deportivas no Concello
O pasado fin de semana a Asociación cultural Espalladoira celebrou a súa asemblea anual na que se organizan as actividades que realizarán durante o ano 2022. Como novidade, neste ano terán lugar actividades e probas deportivas entre as que destaca a Carballo Extrem os días 2 e 3 de abril.
A Carballo Extrem será unha carreira de resistencia na finca da antiga granxa cunícola que foi reconvertida como centro social onde se reúne a asociación. Os deportistas disputarán 14 etapas de 12 quilómetros cada unha, en cada volta terán que ir despoxándose de prendas ata que na última volta vaian descalzos.
Outra cita que os veciños deberán apuntar no seu calendario terá lugar os días 14 e 15 de maio en colaboración coas demais asociacións da vila. Nestas datas, Castroverde acollerá os Encontros na Terra un ciclo de conferencias na que os poñentes exporán a súa experiencia como traballadores do rural e as súas actividades emprendedoras.
O ano 2023 márcase como obxectivo a celebración dunha festa de recreación histórica sobre a torre de Castroverde, como preludio a dita festividade, a finais desta primavera, os colectivos locais porán en marcha unha ruta ata este monumento.
No verán, as actividades infantís cobrarán protagonismo, en especial un obradoiro de espantallos que con posterioridade se destruirán nunhas partidas de paintball.
Ao longo deste ano recuperaranse as celebracións doutras datas especiais para o Concello como o San Xoán, o Día da Filloa, o Magosto popular, etc.