A Asociación da Milagrosa alerta do risco dunha casa en ruínas na rúa Dona Urraca

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa vén de expresar publicamente a súa preocupación ante a situación de deterioro dunha vivenda situada na rúa Dona Urraca, no tramo que conecta coa rúa Mazaira, en pleno barrio da Milagrosa. Segundo denuncian, o estado da edificación é "claramente ruinoso", con partes da estrutura visiblemente afectadas e un risco real de desprendementos.
A entidade veciñal advirte que a proximidade do inmoble á vía pública, sumada ao tránsito constante de peóns e vehículos na zona, supón un grave perigo para a seguridade cidadá. “Calquera desprendemento podería causar danos materiais ou, no peor dos casos, danos persoais irreparables”, alertan.
Pero a preocupación non se limita á seguridade. A asociación tamén sinala que esta vivenda abandonada está a dificultar a circulación rodada e peonil nunha zona que xa presenta unha alta saturación. A súa demolición permitiría abrir ese tramo ao tráfico en dobre dirección, o que contribuiría a mellorar significativamente a mobilidade no barrio.
Ante esta situación, reclaman á Concellería de Urbanismo do Concello de Lugo que active de forma urxente os trámites necesarios para a expropiación do inmoble. O obxectivo sería proceder á súa demolición e ao posterior acondicionamento do espazo, garantindo así tanto a seguridade das persoas como unha mellor funcionalidade viaria.
Desde a Asociación reiteran a súa “plena disposición a colaborar co Concello” para avanzar nesta actuación e noutras iniciativas que permitan mellorar a calidade de vida no barrio da Milagrosa.