A Asociación da Milagrosa denuncia o deterioro das valas do aparcadoiro disuasorio da rúa do Buxo

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa alertou do estado de deterioro no que se atopan as valas perimetrais do aparcadoiro disuasorio situado na rúa do Buxo, en Lugo. O colectivo sinala que varios treitos da estrutura metálica presentan unha deformación evidente, con postes inclinados e bases que se desprazaron do seu ancoraxe orixinal.
Segundo explican, nalgúns puntos os soportes amosan un avanzado proceso de oxidación e parafusos deteriorados, o que ao seu xuízo pon de manifesto a falta de mantemento. Ademais, existen zonas nas que a valado aparece dobrado cara ao exterior, ocupando parcialmente o espazo de paso e xerando unha situación de perigo visible.
A asociación advirte de que este estado pode ocasionar danos tanto ás persoas que transitan pola zona como aos vehículos que estacionan no aparcadoiro disuasorio, xa que as partes metálicas deformadas poden provocar cortes, enganches ou estragos na carrozaría dos coches.
Ante esta situación, o colectivo trasladou a problemática á Concellería de Urbanismo, á que solicita unha intervención urxente que permita garantir a seguridade das persoas usuarias desta infraestrutura, amplamente empregada por veciñanza e visitantes do barrio.
Desde a entidade lembran que o coidado dos espazos públicos constitúe unha cuestión básica de seguridade e unha responsabilidade municipal, polo que instan ao Concello a actuar de inmediato para reparar e fixar correctamente as valas e así evitar posibles accidentes ou danos materiais.