A asociación da Milagrosa reclama ao Concello a reparación urxente dun socavón en Juana la Loca

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do barrio da Milagrosa vén de reclamar á concellaría de Infraestruturas do Concello de Lugo unha solución inmediata para o grave problema que se rexistra no cruzamento da rúa Mazaira, cara ao final da rúa Juana la Loca, onde se mantén desde hai tempo un socavón de grandes dimensións.
O punto permanece sinalizado cunha valado, mais segue a representar un risco elevado tanto para os peóns como para os vehículos que circulan a diario por esta vía.
A situación resulta aínda máis preocupante ao tratarse dun dos tramos con maior intensidade de tráfico, que funciona como enlace directo entre os barrios da Piringalla, a Milagrosa e o Castiñeiro.
O colectivo insta ao Concello de Lugo a adoptar canto antes as medidas necesarias para reparar o afundimento, en beneficio da seguridade viaria e da calidade de vida da veciñanza.