A asociación da Milagrosa reclama axudas para rehabilitacións integrais na zona vella do barrio

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa reclama con urxencia a renovación ou creación de plans de rehabilitación de vivenda por parte do Ministerio de Vivenda e da Xunta de Galicia.
O obxectivo é que o Concello poida presentar a documentación técnica elaborada polo Gabinete de Asesoramento Urbanístico (G.A.U.) e, deste modo, os propietarios poidan acceder a subvencións de entre o 30 e o 40 % que permitan acometer melloras nas vivendas da zona vella do barrio.
A entidade veciñal insiste na necesidade de dar prioridade a esta iniciativa, clave para a recuperación urbana dunha parte importante do barrio da Milagrosa, que conta con arredor de 22.000 habitantes. Lembran que levan anos loitando por unha rehabilitación integral que abranga as rúas Milagrosa, Julia Minguillón, Yáñez Rebolo ou Pintor Villamil, entre outras, onde se sitúan edificios antigos, construídos nas décadas de 1950 e 1960, que carecen de zonas verdes, garaxes e que presentan numerosas deficiencias estruturais.
Entre as necesidades detectadas figuran actuacións sobre fachadas, baixantes de auga, fiestras ou tellados, nunha contorna afectada tamén por problemas como ocupacións ilegais, ruídos, locais de ocio conflictivos e retos relacionados coa integración social e racial.
Desde a asociación critican ademais que a Xunta de Galicia nin sequera estea a esgotar os fondos dispoñibles para políticas de vivenda, mentres barrios como A Milagrosa continúan á espera de recursos que leven á mellora real da calidade de vida da veciñanza.
O Concello de Lugo, pola súa parte, xa deu pasos neste sentido ao contratar mediante concurso público ao G.A.U. para elaborar o plan de rehabilitación da zona. Este documento recolle o número de edificios potencialmente afectados, os elementos que deben conservarse e as conclusións dunha enquisa realizada entre os veciños, que revela un interese xeralizado en acollerse ás axudas se estas chegan a facerse efectivas.