A asociación da Milagrosa reclama con urxencia dous pasos de peóns

LugoXa
Veciños e comerciantes esixen actuación inmediata en Río Narla e Río Cabe para garantir a seguridade viaria no barrio
cruzamento-Avenida-da-Coruña-rúa-Narla
8 Aug 2025

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa volveu dirixirse á Concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo e ao Departamento de Tráfico da Policía Local para reclamar, unha vez máis, a instalación urxente de pasos de peóns en dous puntos do barrio que presentan unha elevada afluencia de persoas e carecen dunha infraestrutura básica de seguridade viaria.

A principal demanda céntrase na confluencia entre a Avenida da Coruña, a rúa Río Narla e a rúa Reverendo Xosé Fernández Núñez, un cruce moi transitado, sobre todo en horas punta, e frecuentado por persoas maiores, escolares e veciñanza en xeral, que cada día se ven obrigados a cruzar con risco ante a ausencia dun paso de cebra nas inmediacións. Desde a entidade lembran que esta petición xa foi presentada en reiteradas ocasións —con escritos remitidos os días 14 de novembro de 2023, 27 de marzo de 2024 e 30 de xaneiro de 2025— sen que se obtivese ata o momento unha resposta efectiva por parte das autoridades municipais.

A asociación subliña que a zona é especialmente concorrida os martes e venres, coincidindo coa celebración do mercado, así como nos días con actividades no parque da Milagrosa, polo que consideran “evidente” a necesidade dunha intervención que consideran urxente e baseada en criterios básicos de seguridade viaria.

Ademais, lembran outra solicitude veciñal: a creación dun paso de peóns na rúa Río Cabe, á altura aproximada do número 20. Segundo explican, os pasos actuais atópanse a unha distancia considerable entre si, o que obriga os peóns a realizar longos rodeos ou cruzar por zonas sen sinalización, incrementando así o risco de accidentes.

Desde a entidade instan ás autoridades competentes a actuar con responsabilidade e sensibilidade ante unhas peticións que, aseguran, só pretenden mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza que transita a diario por estas rúas.

⚙ Configurar cookies
0.26581001281738