A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde realiza unha visita cultural a Lugo

Integrantes da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde participaron recentemente nunha saída cultural á cidade de Lugo, nunha xornada dedicada a coñecer parte do seu patrimonio histórico e arquitectónico. A actividade comezou cun encontro no Centro Arqueolóxico de San Roque, onde os participantes se dividiron en dous grupos para realizar diferentes visitas guiadas.
Mentres un dos grupos percorreu as instalacións do propio centro arqueolóxico, o outro achegouse á Casa dos Mosaicos, tamén coñecida como Domus Oceani. Este espazo museístico recibe o seu nome polo destacado mosaico que representa a cabeza do deus Océano, descuberto na rúa Doutor Castro en 1842. O museo conserva os restos dunha ampla domus romana ou residencia señorial datada entre finais do século III e comezos do IV despois de Cristo, cunha superficie aproximada de 3000 metros cadrados e cunha rica ornamentación.
Pola súa parte, no Centro Arqueolóxico de San Roque os asistentes puideron observar in situ os vestixios dun antigo cemiterio romano empregado entre os séculos I e V. Ademais da necrópole, o espazo conserva tamén os restos dun forno dedicado á produción de cerámica e unha piscina ritual relacionada con cultos orientais, elementos que foron explicados polos guías durante a visita.
A xornada continuou cun percorrido polo centro histórico da cidade que partiu da Praza Maior de Lugo. A ruta estivo guiada polo socio da asociación Felipe Arias Vilas, quen ofreceu amplas explicacións sobre os edificios deseñados polo arquitecto Eloy Maquieira Fernández, nacido en Pontevedra en 1901 e falecido o 19 de abril de 1944, autor de numerosas construcións na capital lucense.
Durante o itinerario visitáronse diversos inmobles situados na Praza Anxo Fernández Gómez e na propia Praza Maior, onde se comentou a existencia dunha piscina situada na cuberta dun dos edificios. O grupo continuou posteriormente cara á zona de Santo Domingo, onde se localizan varios inmobles vinculados a propietarios orixinarios de Castroverde, concretamente da parroquia de Paderne.
A ruta proseguiu pola Praza de Abastos de Lugo e pola rúa Quiroga Ballesteros, na confluencia con Bolaño Rivadeneira, onde os participantes observaron diferentes edificios situados nas esquinas das rúas. O percorrido incluíu tamén unha parada na esquina da rúa Conde de Pallares para analizar dous inmobles destacados: o que fora a casa do Conde de Pallares e o edificio que hoxe alberga o establecemento Arenal, antigo Pazo do Marqués de Ombreiro.
Durante a visita tamén se comentou o escudo situado nunha vivenda entre a rúa da Cruz e Conde de Pallares, ademais doutros puntos de interese como o Círculo das Artes de Lugo e o antigo santuario que existiu na súa parte traseira. Así mesmo, lembráronse outras construcións desaparecidas ou relevantes da cidade, como o antigo Sanatorio Pimentel, o edificio do Seminario, diversas edificacións da rúa Rodríguez Mourelo ou o Instituto Lucus Augusti.
O percorrido rematou na pérgola do Parque Rosalía de Castro, unha estrutura con máis dun século de antigüidade na que tamén se realizaron intervencións vinculadas ao arquitecto Maquieira.
Tras finalizar as visitas, os participantes compartiron un xantar conxunto e, xa pola tarde, algunhas das persoas asistentes aproveitaron para visitar a exposición dedicada ao pintor Tino Grandío na Afundación.