A Asociación de Cosmética Galega (ACG) de Monterroso únese ao proxecto Bioga
A Asociación de Cosmética Galega (ACG) de Monterroso, integrada por 34 compañías galegas vinculadas ao deseño e a creación de produtos de coidado persoal, únese ao proxecto do Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).
ACG naceu neste ano 2024 co obxectivo de “axuntar intereses para compartir coñecemento, experiencia, ferramentas e custos”. Este movemento reforza o vínculo entre dous sectores estratéxicos para Galicia: a cosmética e a biotecnoloxía.
A Asociación Cosmética Galega, que preside a farmacéutica Ariana Fernández Palomo, representa ás empresas que forman parte da cadea de valor deste sector económico: deseño, formulación, produción, distribución, comercialización ou control.
Para destacar a relevancia desde sector, ACG, apoiándose nos datos que manexa, destaca: “Os galegos utilizamos de media sete produtos de coidado persoal a diario, como desodorantes, cremas corporais, xeles, pastas de dentes ou hidratantes”.
“Apostar polos produtos galegos é apostar polo desenvolvemento económico, a sostibilidade e o retorno do talento á nosa terra”. “Se queremos que os nosos fillos, preparados e formados nas mellores institución, regresen a Galicia, precisamos de industrias fortes”, destaca Ariana Fernández Palomo, presidenta da ACG.
O presidente de Bioga, pola súa banda, afirma que “o encontro entre Bioga e Asociación Cosmética Galega non só fortalece o vínculo entre dous sectores clave para Galicia, senón que marca un fito na aposta por una economía máis sostible, competitiva e conectada coas nosas raíces”.
Así, di que “cada compra dun produto galego é un investimento na nosa terra, nas nosas familias e no noso futuro, e a biotecnoloxía é o catalizador estratéxico para alcanzar este obxectivo”.
O Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) sinala que a biotecnoloxía pode ser un motor esencial para a transformación da economía de Galicia e tamén para o impulso e afianzamento do sector da industria cosmética.