A Asociación de Veciños Centro de Lugo cumpre o seu primeiro aniversario

LugoXa
A Asociación de Veciños Centro de Lugo cumpre o seu primeiro aniversario dende que se constituíu como plataforma veciñal con motivo dunhas obras de peonalización comezadas e que non convencían aos veciños converténdose meses despois na actual asociación.
vecinos_centro_lug
26 Abr 2024

A Asociación de Veciños Centro de Lugo cumpre o seu primeiro aniversario dende que se constituíu como plataforma veciñal con motivo dunhas obras de peonalización comezadas e que non convencían aos veciños converténdose meses despois na actual asociación. O colectivo fai un balance moi positivo da súa curta pero intensa traxectoria.

Aseguran que naceu ás portas dunhas eleccións municipais polo que dende o principio, a pesar de remarcar sempre o seu carácter apartidista, precisamente os partidos políticos tentaron encadrala nuns ou noutros, non obstante, xa pasaron 3 eleccións, trataron con 2 alcaldesas, con 2 interventores e con varios asesores e continúan co mesmo carácter apartidista e a mesma forza e ilusión do primeiro día. Defenden un estilo propio de traballar, non habitual, baseado na colaboración e na busca constante e teimuda de solucións para os problemas do barrio Centro, afastándose de guerras mediáticas, políticas ou manifestacións na rúa o que, ás veces, recoñecen que desconcerta a quen ten que tratar con eles, pero teñen claro que é o xeito correcto de ser eficaces a longo prazo.

E neste ano de vida xa conseguiron diversos logros, sendo o mais importante convencer ao Concello a base de insistencia e argumentos sólidos da necesidade de modificar o proxecto da praza de Santo Domingo para manter unha zona axardinada e unha fonte que se perdían co proxecto inicial e que se renunciara a un absurdo segundo carril de tránsito nesa mesma praza, pero tamén conseguiron o mantemento da fonte do Cuartel de San Fernando no seu emprazamento tradicional, que as árbores que se plantaran novas foran de gran porte para que deran sombra axiña.

Lograron que se mudaran todos os bancos que se proxectaban cun respaldo asimétrico e moitos sen respaldo, por outros máis funcionais, con respaldo completo ou a redistribución de zonas de carga e descarga que se proxectaban fronte a locais comunitarios e vivendas con residentes con mobilidade reducida. Tamén fixeron que se recolocaran aparcabicis que comprometían a saída dos nenos do Colexio La Milagrosa. E están a realizar dende o primeiro momento un labor de control e seguimento das obras de peonalización, advertindo dos problemas diarios para dar solucións efectivas para os veciños e minimizar as molestias. E tralo traballo coas obras, pretenden tamén iniciar actividades culturais.

Mantivo neste ano xa máis de 70 reunións de todo tipo con administracións, partidos políticos, outras asociacións, forzas e corpos de seguridade do estado. E manteñen o seu propósito pois teñen intención de reunirse con todo aquel que poida aportar algo positivo para o centro de Lugo e sobre todo, queren recuperar o sentimento de barrio nos residentes na zona centro da cidade, ás veces esquecido tralo compoñente monumental e turístico desta zona da cidade.

0.1802830696106