A Asociación de Veciños Centro de Lugo pide máis zonas axardinadas
A Asociación de Veciños Centro de Lugo manifesta a súa vontade de que se fomente a existencia de zonas axardinadas e a plantación de árbores nunha zona centro cun gran déficit neste eido. Piden a unión e colaboración das administracións e os partidos políticos neste obxectivo, que consideran prioritario para a cidade.
Deste xeito, aseguran que o desexo maioritario dos veciños é poder contar con zonas axardinadas no barrio centro da cidade, que xeren un espazo de tranquilidade, de gozo da biodiversidade, con sombras que mitiguen o impacto das vagas de calor e zonas con céspede que recollan a auga nos días de choiva intensa, circunstancias cada vez máis frecuentes por mor do cambio climático.
Espazos agradables para a estancia, que contribúan a dispoñer dun turismo sostible e á vez dunha zona cómoda e agradable para residir e para investir, evitando así o despoboamento e a degradación do barrio. A asociación leva traballando intensamente neste eido dende a súa constitución e solicitan que se converta nun obxectivo estratéxico prioritario, non so para os veciños, senón tamén para as administracións, os distintos partidos políticos e calquera entidade con competencias na materia, para o que solicitan a unión e colaboración de todos eles, co gallo de que redunde na mellora da calidade de vida dos veciños.