A Asociación de Veciños Centro de Lugo reclama medidas inmediatas ao Concello pola situación das rúas
A Asociación de Veciños Centro de Lugo demanda ao Concello a reparación urxente do pavimento nas rúas San Marcos, Rúa Nova e Praza de Santo Domingo, que se atopan nun estado de "deterioro extremo", causando numerosos accidentes entre os viandantes.
Segundo a Asociación, levan meses informando sobre esta problemática sen recibir unha solución, polo que manifestan a súa protesta ante o que cualifican como un "abandono total" destas rúas, agravado polas obras de peonalización en marcha. "Dende o inicio das mesmas, non só non se acadaron melloras, senón que a situación empeorou considerablemente, xerando un crecemento alarmante no número de caídas", din.
Os veciños denuncian que estas obras, inicialmente previstas para mellorar a infraestrutura urbana, teñen convertido o centro de Lugo nunha zona caótica. A ausencia dunha sinalización axeitada, a circulación de vehículos por rúas sen preparación para o tráfico e a falta de control crearon unha situación perigosa, especialmente para colectivos vulnerables como persoas maiores, nenos e persoas con mobilidade reducida.
A situación xa ten provocado múltiples caídas desde o inicio do ano, algunhas das cales requiriron atención médica. A Asociación resalta a paciencia e colaboración dos veciños durante as obras, pero sinalan que a situación actual é "insostible".
Por este motivo, esixen ao Concello a reparación inmediata do pavimento das rúas afectadas e un compromiso claro de mantelas en condicións seguras; así como a instalación de sinalización e medidas de seguridade temporais que axuden a previr accidentes no curto prazo.
"É imprescindible que o Concello de Lugo actúe con urxencia, asumindo a súa responsabilidade para garantir a seguridade e o benestar dos veciños", conclúe a Asociación.