A Asociación de Veciños da Milagrosa cumpre 30 anos e conmemora a José Tomé Roca
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, recibiu este xoves a placa conmemorativa do 30 aniversario da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, que lle entregou o presidente deste colectivo, Jesús Vázquez. O mandatario provincial foi unha das personalidades homenaxeadas no mes de xullo coa Pegada Veciñal organizada pola asociación, deixando a pegada da súa man en caolín de Burela.
O mandatario provincial agradeceu esta distinción e felicitou á asociación polo labor que está a facer por un barrio senlleiro da cidade de Lugo. “Como ben di o voso lema, levades 30 anos facendo algo tan grande e tan importante para a sociedade como é facer barrio e facer comunidade e convivencia”, asegurou o Presidente.
Así mesmo, Tomé Roca recordou que a Deputación de Lugo colabora coas accións e actividades deste colectivo veciñal co obxectivo de manter vivos e dinámicos os barrios.