A Asociación de Veciños da Milagrosa solicita o cambio do alumeado no barrio
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo denuncia a situación de “discriminación na que nos atopamos no que respecta á remodelación do alumeado público”.
Durante os últimos meses realizáronse melloras na Escalinata da Estación, nas rúas da contorna da Avenida das Américas e, aprobáronse novos proxectos para a mellora na Rolda das Mercedes e na Rolda Xosé Castiñeira así como nas rúas Monte Faro e Illas Canarias.
Dende a Asociación séntense “discriminados neste sentido” xa que o alumeado público do barrio da Milagrosa data de 40-50 anos atrás, polo que na actualidade se encontra obsoleto e conta con pouca potencia luminosa supoñendo un elevado custo e contaminación.
O colectivo solicita a renovación integral “con luminarias de maior potencia, menor custe e consumo e maior respecto cara o Medio Ambiente xa que suporía unha mellora na seguridade e vida diaria de miles de veciños”.