A asociación de veciños de Casás pide a reparación urxente das marquesiñas de autobús deterioradas

A Asociación de Veciños Oliveira Casás, integrada na Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, vén de expresar a súa preocupación polo estado de deterioración que presentan varias marquesiñas de autobuses urbanos no barrio de Casás.
Segundo denuncian, existen paradas que contan con cristais rotos —como pode comprobarse nas imaxes achegadas—, o que representa un perigo evidente para os usuarios, especialmente para nenos e persoas maiores. A entidade veciñal advirte de que esta situación, ademais de xerar incomodidade ás persoas que agardan o autobús sen protección ante as condicións meteorolóxicas, pode provocar accidentes polos restos de vidro acumulados.
Por este motivo, desde a asociación solicitan unha intervención inmediata para reparar as estruturas danadas, así como unha revisión xeral do mobiliario urbano relacionado co transporte público no barrio, co obxectivo de garantir condicións seguras e dignas para toda a veciñanza.