A Asociación de Veciños de Miranda organiza unha ruta reivindicativa pola Vía XIX en defensa do rural

A Asociación Veciñal e Cultural de Miranda, en Castroverde, organiza para o vindeiro sábado 11 de abril unha ruta reivindicativapola Vía XIX, unha iniciativa que busca poñer en valor o medio rural e reclamar medidas para garantir o seu futuro sostible.
A actividade, que terá lugar o sábado 11 de abril, desenvolverase baixo o lema 'Por un rural vivo e sostible' e contará cun percorrido que partirá ás 7.00 horas desde Miranda, incluíndo almorzo para os participantes. A ruta continuará ata Lugo, con diferentes paradas estratéxicas ao longo do traxecto, e rematará no barrio de Ponte, onde terá lugar un xantar popular tipo churrascada.
A xornada nace tamén cun marcado carácter reivindicativo, reflectido no chamado 'Decálogo do novo rural galego', no que se recollen dez puntos clave para o desenvolvemento do territorio. Entre eles destacan a posta en valor da Vía XIX como recurso histórico e turístico, a defensa da gandaría e das explotacións agrarias, así como a aposta pola xestión sostible dos montes.
Tamén se inclúen medidas como o impulso do cooperativismo, o apoio aos servizos sanitarios e educativos no rural, a mellora das infraestruturas e comunicacións, e a protección do patrimonio cultural e natural. O decálogo complétase con propostas para frear o despoboamento e a exclusión social, así como a necesidade de unir esforzos para construír un rural digno e sostible.
Desde a organización destacan a importancia de iniciativas deste tipo para visibilizar a realidade do rural galego e fomentar a participación cidadá na súa defensa.
A inscrición ten un custo de 18 euros por persoa e inclúe, ademais das comidas, vehículos de apoio para facilitar o regreso ao punto de saída. As persoas interesadas poden anotarse a través do teléfono facilitado pola organización.