A Asociación do Castiñeiro pide unha reforma integral das rúas do barrio nos orzamentos de 2025

A Asociación de Veciños e Comerciantes Poeta Díaz Castro, do barrio do Castiñeiro e integrada na Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo Lucus Augusti, solicita á Concellería de Vías, Obras e Infraestruturas do Concello de Lugo que inclúa nos orzamentos municipais de 2025 unha reforma integral das rúas do barrio, en especial das máis deterioradas.
Segundo denuncia a entidade, algunhas das vías presentan un estado de abandono que afecta tanto á mobilidade como á seguridade peonil. Entre as zonas máis afectadas sinalan a rúa Xoana a Tola, onde se atopan problemas como xardíns sen acondicionar, vehículos aparcados sobre zonas verdes, beirarrúas danadas, plaquetas levantadas, fincas cheas de maleza e solares sen limpar. Tamén denuncian a presenza de valados que invaden a zona peonil e pavimentos en mal estado, como diante do número 29 e do Centro de Día.
Outro punto crítico está na rúa Lamas de Prado, á altura do número 164, onde unha arqueta de saneamento afundida provoca un burato no firme e un ruído constante cada vez que pasa un coche, xerando molestias e riscos para o tráfico.
Dende a asociación veciñal insisten en que é necesaria unha actuación urxente e coordinada por parte do Concello que recolla estas demandas na planificación orzamentaria do vindeiro ano. Reclaman que o Castiñeiro reciba a atención que merece para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e garantir un entorno urbano seguro e digno.