A Asociación do estudantado do Cuarto Ciclo do Campus de Lugo rende homenaxe ás cantareiras

LugoXa
As corais “Solfa”, de Compostela, e “Lucus Terra”, de Lugo, interpretarán unha escolma de cantigas tradicionais e populares, así como pezas vinculadas á figura de Castelao
Coral-Solfa
6 Jun 2025

A praza Maior de Lugo este sábado, 7 de xuño, nun escenario para a memoria e a emoción coa celebración dun Concerto Homenaxe ás Cantareiras, promovido pola Asociación do Estudantado do Cuarto Ciclo do campus de Lugo da USC.

A cita, que terá lugar no fondo da praza, quere recoñecer o labor fundamental de mulleres que fixeron da música tradicional galega e da defensa do idioma unha forma de vida e de resistencia cultural.

A homenaxe estará especialmente dedicada a figuras como Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeiro Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens. "Mulleres que coas súas voces transmitiron xeración tras xeración un patrimonio inmaterial que hoxe segue vivo grazas ao seu compromiso", destacan.

Ademais, o concerto servirá tamén para lembrar a Daniel Castelao, a quen este ano 2025 o Goberno galego decidiu dedicar en sinal de recoñecemento ao seu legado artístico e político, estreitamente ligado á defensa da lingua e da identidade galega.

O acto conta coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e coa participación das corais “Solfa”, de Compostela, e “Lucus Terra”, de Lugo, que interpretarán unha escolma de cantigas tradicionais e populares, así como pezas vinculadas á figura de Castelao, compartindo así co público asistente un momento de celebración e reivindicación da nosa cultura.

⚙ Configurar cookies
0.17942905426025