A Asociación Educativa Antonio Gandoy contará coa colaboración da Deputación de Lugo

LugoXa
La Asociación Educativa Antonio Gandoy de Lugo contará con la colaboración de la Vicepresidencia de la Diputación de Lugo.
Maite Ferreiro con Luisa Rey, da Asociación Antonio Gandoy, durante unha das actividades para as familias
8 Apr 2022

A Asociación Educativa Antonio Gandoy contará un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación para desenvolver a súa labor formativa, dirixida fundamentalmente a familias con nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos.

O colectivo lucense centra a súa actividade na organización de reunións de formación nas que as familias con nenas e nenos en idade infantil comparten coñecementos e experiencias sobre a importancia educativa dos primeiros anos. As xuntanzas, coordinadas por profesionais do eido educativo, son ademais un espazo de aprendizaxe e socialización para as crianzas, que tamén participan nos encontros.

A vicepresidenta Maite Ferreiro, que se achegou ata a sede da asociación en Lugo, a carón do colexio de Albeiros, destacou a labor que “realizan ao longo do ano facilitando ás familias espazos de encontro e formación para afrontar a crianza nas primeiras idades, unha etapa na que se sentan as bases do desenvolvemento e na que o entorno familiar ten un papel fundamental” e valorou “o desenvolvemento destas actividades en galego, promovendo o seu uso en contexto educativos e de socialización, algo fundamental para o futuro do idioma”.

A asociación ofrece este servizo educativo nos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Corgo, Páramo, Láncara e Lugo, onde organizan reunións con periodicidade semanal, quincenal ou mensual, en función da demanda das familias.

Ademais destes encontros, nos que desenvolven contidos e propostas adaptadas ás necesidades das familias, a asociación tamén realiza actividades de formación (obradoires, charlas, ...) para profesionais da educación. Así, en vindeiras datas, expoñerán a súa experiencia no IES Daviña Rey de Monforte e no CIFP Porta da Auga de Ribadeo

Herdeiras de Preescolar na Casa

A entidade continúa coa labor desenvolvida durante 35 anos en Galicia por Preescolar na Casa, un proxecto pioneiro na intervención educativa na etapa infantil e na creación de materiais didácticos en galego para estas idades. A asociación toma o nome do seu promotor Antonio Gandoy e conserva os material producido durante mais de tres décadas de experiencia educativa, para ofrecelo a todas as persoas interesadas en coñecelo e estudalo.

0.14945602416992