A asociación ELAS@ELES celebra a renuncia á planta de biorrefinería de biogás LUGAZ

A Asociación de Gandeiros e Gandeiras ELAS@ELES valorou como unha vitoria da “lexítima defensa do modelo agrario galego” a renuncia do Grupo Lence a construír a planta de biorrefinería de biogás LUGAZ no polígono do Ceao.
O colectivo subliñou que a paralización deste Proxecto Industrial Estratéxico é consecuencia directa da mobilización da veciñanza e do sector gandeiro para protexer a sanidade animal, a saúde pública e o territorio.
Desde a asociación aseguran que as dificultades atopadas non foron simples obstáculos administrativos, senón unha resistencia estrutural fronte a un modelo industrial que “poñía en risco a nosa produción, a nosa terra e o noso gando”. Critican a incoherencia dun proxecto que se presentaba como avance ambiental pero que, segundo explican, “incrementaría a emisión de amoníaco e agravaría a contaminación hídrica” debido ao subproduto resultante do proceso de dixestión anaerobia, o dixestato, que contén nitróxeno en forma amoniacal máis volátil e contaminante.
ELAS@ELES tamén alerta dos riscos sanitarios e ambientais asociados á centralización deste tipo de plantas. Advirte do perigo de contaminación cruzada pola Dermatose Nodular Bovina a través da aplicación masiva de xurros ou dixestatos bovinos sen garantías de tratamento virucida, e critica que este proceso elimine carbono do abono orgánico, impedindo ás granxas contribuír á fixación de carbono e á loita contra o cambio climático.
A asociación considera que o modelo proposto pretendía “importar a lóxica das macrogranxas sen base territorial” a Galicia, un sistema que cualifican de insostible polos desequilibrios de nutrientes e pola posibilidade de importar residuos alleos, como lodos urbanos ou industriais. Por iso, reclaman unha moratoria inmediata para novas granxas sen base territorial suficiente e para proxectos que xestionen residuos externos sen acreditar a capacidade real da terra galega para absorbelo de forma sostible.
O colectivo insiste en que a defensa do modelo gandeiro familiar é clave para evitar o abandono do rural e a eucaliptización, e lembra que o xurro é un abono orgánico de alto valor que debe permanecer no campo. Denuncia que a política de prezos do leite, centrada no volume e non na calidade nin no respecto polo territorio, empurra o abandono das granxas e agrava o risco de incendios forestais.
Como medidas inmediatas, ELAS@ELES propón unha regulación territorial urxente que garanta a soberanía alimentaria e a resiliencia ambiental, a defensa de prezos xustos que valoren o papel das granxas familiares e unha moratoria á creación de explotacións sen base territorial, atendendo ás advertencias da Comisión Europea sobre a contaminación e o risco de declaración de zonas vulnerables.
A asociación conclúe que “Lugo e Galicia deben ser un exemplo de sostibilidade agraria, non un centro loxístico para a industria gasista financiado con diñeiro público”.