A Asociación Escola-Banda de Música de Antas de Ulla busca un novo director
A Asociación Escola-Banda de Música de Antas de Ulla está a buscar un novo director para a Escola e Banda de Música.
As funcións serán as de dirixir e programar os ensaios xerais e parciais da Banda de Música, organizar as clases e actividades da Escola de Música, programar xunto coa directiva un calendario anual de actuacións tanto da escola como da banda e seleccionar un programa de calidade acorde con cada actuación e adecuado ao nivel de cada unha das formacións.
Para poder presentarse os aspirantes deberán contar co Título Superior de Música en Dirección ou Interpretación aínda que non é un requisito indispensable. Valorarase a experiencia previa na dirección de bandas populares ou profesionais.
A documentación poderá presentarse ata o 12 de marzo. Os interesados terán que entregar o Curriculum Vitae, unha proposta de proxecto para a Banda de Música e a proposta de proxecto para a Escola de Música.
O proceso de selección contará con tres fases, a primeira será unha selección de aspirantes despois de estudar a documentación presentada. A segunda fase será unha entrevista persoal a cada unha das candidaturas preseleccionadas. Nesta entrevista valorarase a viabilidade e interese dos proxectos presentados. A última fase será unha proba práctica que consistirá nun ensaio coa Banda de Música de Antas de Ulla.