A Asociación Española Contra o Cancro acolle unha charla sobre alimentación saudable

LugoXa
A iniciativa forma parte dun proxecto educativo que promove hábitos saudables e permite ao alumnado de Nutrición aplicar os seus coñecementos de forma práctica
Día-Mundial-contra-o-Cancro-Lugo
9 Jan 2026

A Asociación Española Contra o Cancro en Lugo recibirá a segunda charla titulada “Alimentación Saudable”, que se celebrará na súa sede o mércores 14 de xaneiro, ás 19:00 horas.

A actividade forma parte do Proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) impulsado desde a Área de Nutrición e Bromatoloxía do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Asociación.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar hábitos alimentarios saudables e concienciar á cidadanía sobre a importancia dunha boa alimentación tanto para o mantemento da saúde como para a prevención de enfermidades. A proposta incide na necesidade de contar con información fiable e baseada na evidencia científica fronte á proliferación de mitos ou mensaxes enganosas sobre nutrición.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), unha dieta saudable debe achegar todos os nutrientes esenciais, cubrir as necesidades enerxéticas sen excesos, previr a malnutrición en todas as súas formas e contribuír a reducir o risco de enfermidades. Durante a charla ofreceranse criterios prácticos para identificar alimentos e pautas de consumo que favorezan unha dieta equilibrada, variada e baseada en produtos de proximidade.

Esta actividade tamén ten un carácter formativo, xa que permite ao alumnado do Grao en Nutrición Humana e Dietética do Campus de Lugo complementar a súa formación académica mediante a participación activa na adquisición de competencias profesionais, integrando teoría e práctica nun proxecto educativo innovador.

⚙ Configurar cookies
0.090423822402954