A Asociación Fontiñas Norte denuncia a paralización da Ronda Leste

LugoXa
Segundo manifestan, trátase dunha infraestrutura esencial para mellorar a circulación urbana e moi demandada pola cidadanía
ronda-fontiñas-lugo
18 Jun 2025

A Asociación Fontiñas Norte de Lugo dirixiuse ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, para reclamar a execución inmediata da Ronda Leste da cidade.

Segundo manifestan, trátase dunha infraestrutura esencial para mellorar a circulación urbana e moi demandada pola cidadanía, especialmente polos barrios de Fontiñas e Parque do Rato, que sofren a diario unha elevada carga de tráfico.

A entidade veciñal asegura sentirse enganada pola Xunta de Galicia, á que acusan de incumprir reiteradamente a súa promesa de construír esta vía, anunciada polo Partido Popular durante anos sen que se chegase a iniciar. Lembran que, mesmo nos orzamentos autonómicos para 2025, figuraban 7 millóns de euros destinados ao proxecto, unha partida que, denuncian, non se executará dado que a día de hoxe nin sequera se coñece o proxecto definitivo. “Consideramos isto unha afrenta e unha burla a todos os lucenses”, afirman.

Desde a Asociación Fontiñas Norte alertan tamén das consecuencias da ausencia da Ronda Leste: retencións constantes en Fontiñas, o deterioro do cinturón verde do Paseo do Rato e unha presión crecente sobre a mobilidade da zona sur da cidade. Sinalan que a Xunta elaborou xa catro proxectos diferentes para esta vía sen executar ningún, polo que consideran que “nos están tomando o pelo”.

A asociación esixe a presentación inmediata do proxecto da Ronda Leste, reclamando que se minimicen os impactos ambientais e lembrando que, unha vez aprobado, aínda serán necesarios procesos de exposición pública, alegacións, expropiacións e licitación de obras. Calculan que, ao ritmo actual, a infraestrutura non estaría rematada antes de 2032 ou mesmo 2035.

Por iso, piden á Xunta máis axilidade e vontade política para levar a cabo esta obra, cuxa necesidade levan anos defendendo desde o movemento veciñal.

⚙ Configurar cookies
0.11158895492554