A Asociación Forestal do Interior de Lugo reclama cambios na normativa e defende a súa proposta da “Cuota do Carballo”

GaliciaXa | LugoXa
AFIL denuncia abandono institucional, critica a cota do eucalipto e presenta alegacións á Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026
carballo-1
17 Nov 2025

Créase a Asociación Forestal do Interior de Lugo (AFIL), que se presenta coa intención de defender os intereses dos propietarios forestais dos 40 concellos do interior da provincia, onde o eucalipto non chega ao quince por cento da superficie arborada a pesar de ser unha das zonas máis produtivas. A entidade asegura que a súa proposta da “Cuota do Carballo” constitúe a mellor iniciativa para impulsar unha xestión sostible en Galicia.

AFIL xurdiu como resposta ao que consideran unha situación de abandono que afecta tanto ao territorio coma ás persoas que o traballan. A rápida acollida da iniciativa, con preto de seiscentos interesados en apenas dúas semanas e sen máis difusión que o boca a boca, é definida pola asociación como “un puñazo na mesa” dirixido a quen elabora normas e impón restricións sobre terras que, lembran, pertencen aos seus propietarios e forman parte da súa tradición familiar. “Ata aquí chegamos”, sinalan, advertindo de que non aceptarán ser, de novo, o espacio elixido para “lavar conciencias ambientalistas” doutros territorios.

A organización aclara que non nace por mor dunha cuestión conxuntural ligada á moratoria, senón para permanecer no tempo e actuar como voz propia dos titulares forestais, sen que ninguén fale por eles ou empregue os seus intereses como moeda de cambio nun sistema condicionado pola superficie de eucalipto en Galicia. Como coñecedores do monte, recoñecen que a iniciativa xerará críticas, mais aseguran estar preparados para afrontar os obstáculos, do mesmo xeito que coidan das súas parcelas: protexéndoas, abonándoas, desbrozándoas e eliminando aquilo que impida medrar.

AFIL subliña que non pretende decidir sobre as fincas alleas, aínda que reivindica que non é responsable da situación de descontrol forestal que Galicia arrastra desde hai décadas e que, afirman, non beneficiou en nada aos seus concellos. Insisten en que non pedirán que noutras zonas se modifiquen os usos das terras, pero tampouco permitirán que se lles obrigue a eles a adaptarse a preferencias impostas desde fóra.

A primeira acción da asociación é a presentación de alegacións á Lei de acompañamento dos orzamentos de Galicia 2026, concretamente en relación cos apartados dezaseis e dezasete sobre a modificación da disposición transitoria novena da Lei de Valorización de Terras Agrarias.

Respecto ao apartado dezaseis, relativo á denominada “cota do eucalipto”, AFIL non propón cambios, pero advirte de que coñece o obxectivo real da medida. Tras a presentación dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia deste 13 de novembro, apuntan que o Eucalyptus globulus presenta producións moi baixas polo esgotamento, as enfermidades recorrentes e a falta de xestión, polo que consideran que esta cota funciona como un segundo paso dun mercado regulado que permitiría aos propietarios da costa manter o control da produción trasladando os dereitos ás zonas do interior, máis produtivas para Eucalyptus nitens, impedindo que os propietarios locais poidan plantar por carecer da cota.

En canto ao apartado dezasete, a entidade propón que o punto 7 b) quede redactado co límite do sesenta por cento de eucalipto tras eliminar piñeiro, reservando o corenta por cento restante para outras coníferas ou frondosas, agás eucalipto. Para parcelas superiores a tres hectáreas aplicaría directamente esta proporción, mentres que en superficies menores poderíase realizar o cálculo en varias parcelas, ao considerar tecnicamente inviable cumprir os requisitos nunha única parcela pequena.

Tamén solicita modificar o punto 7 d), establecendo que a excepción só sexa válida en zonas cunha afectación grave da enfermidade correspondente, e que se publique cada ano, antes do 30 de marzo, un mapa cos concellos incluídos. Xustifican esta proposta pola experiencia cos prazos administrativos: sen un calendario fixado, temen que a medida non se poña en marcha.

AFIL incorpora, ademais, a súa achega central: a “Cuota do Carballo”. Propoñen engadir un punto 8 que permita aos propietarios presentar un documento sinxelo de xestión equilibrado, no que o eucalipto non supere o sesenta por cento da superficie e o corenta por cento restante se reparta entre frondosas e coníferas, sen que ningún destes grupos quede por baixo do quince por cento. O documento deberá ir acompañado dunha declaración responsable.

A asociación reivindica a multifuncionalidade do monte, baseada no equilibrio entre a produción, a función ecolóxica e o papel social. Asegura que para garantir a sustentabilidade do ecosistema deben cumprirse estas tres dimensións. Na presentación do Inventario Forestal Continuo subliñouse que os distritos do interior contan cunha importante presenza de frondosas, algo que AFIL desexa manter reforzando a súa valorización a través desta proposta.

A organización considera que os monocultivos forestais son un erro desde calquera perspectiva e aposta por un equilibrio no que cada propietario poida decidir en que parte das súas parcelas é máis adecuado situar frondosas, coníferas ou eucalipto, en función das condicións de cada terreo e co coñecemento acumulado durante xeracións.

⚙ Configurar cookies
0.069159030914307