A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza unha ruta para descubrir os Ancares

LugoXa
A actividade, que se desenvolverá o 18 de outubro en Piornedo, inclúe un percorrido de 7 quilómetros guiado por un xeólogo e veciños da zona
cervantes-piornedo-anda-ruta
11 Oct 2025

A Asociación Galega de Custodia do Territorio organizará o vindeiro 18 de outubro en Piornedo, no concello de Cervantes, unha xornada dedicada á interpretación das formacións xeolóxicas e da paisaxe dos Ancares.

A actividade, enmarcada no proxecto CAPRIF-CC, permitirá coñecer de preto a historia natural destas montañas da man dun xeólogo e dos propios habitantes do territorio, que compartirán a súa experiencia e coñecemento do medio.

O roteiro, de arredor de sete quilómetros e cun nivel de dificultade medio-alto, percorrerá lugares emblemáticos como Piornedo, Suárbol, o Porto de Ancares e o pico Cuíña. Ao longo da camiñada, os participantes poderán observar evidencias da pegada dos glaciares que dominaron a serra durante a última glaciación, hai uns 50.000 anos, e comprender como o paso do tempo e os fenómenos naturais modelaron o relevo actual.

Ademais, a actividade servirá para interpretar as diferentes formacións xeolóxicas da zona, que van desde rochas que se formaron no fondo mariño hai millóns de anos ata outras creadas polo arrefriamento do magma a profundidades próximas aos dez quilómetros. A organización destaca que a ruta combina divulgación científica, exercicio ao aire libre e posta en valor do patrimonio natural e cultural dos Ancares lucenses.

⚙ Configurar cookies
0.072977066040039