A Asociación Gatos Roxos denuncia verteduras de augas fecais ao río Rato

A Asociación de Veciños Gatos Roxos fixo pública unha denuncia pola existencia, desde a pasada semana, dun rego de augas fecais que estaría a verter directamente ao río Rato na confluencia das rúas Camiño de Roca e Ponte Romai. Segundo sinala o colectivo, esta situación está a provocar fortes cheiros e un evidente malestar entre a veciñanza da zona.
A entidade explica que varios residentes intentaron poñerse en contacto co Concello de Lugo para trasladar a incidencia, mais aseguran que as chamadas rematan en longas esperas sen obter resposta durante toda a mañá deste mércores, 25 de febreiro.
A asociación considera necesario que se adopten medidas urxentes para poñer fin ao vertido e evitar que continúe afectando ao entorno e á calidade de vida do barrio.
Así mesmo, denuncian que uns metros máis adiante, na rúa Casasvellas, persiste desde hai máis dun ano unha rotura na vía pública que segue sen ser reparada. Segundo indican, esta avaría implica tamén a rotura dun colector, que estaría a descargar directamente ao río Rato.
O problema foi posto igualmente en coñecemento da Confederación Hidrográfica, sen que, segundo a asociación veciñal, se recibise resposta ata o momento. Desde Gatos Roxos solicitan unha actuación inmediata das administracións competentes e agradecen a difusión pública da situación para contribuír a acelerar unha solución.