A Asociación Lar de Artemis impulsa en Lugo o proxecto internacional 'Step Up! Youth Mental Health'

A Asociación Lar de Artemis pon en marcha en Lugo a mobilidade do proxecto europeo 'Step Up! Youth Mental Health', unha iniciativa de intercambio xuvenil financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea.
Durante seis días, 20 mozos de entre 16 e 24 anos xunto con 5 líderes de grupo e 2 facilitadores procedentes de España, Portugal, Italia, Romanía e Turquía participarán en actividades de aprendizaxe non formal centradas na saúde mental, o benestar emocional e a resiliencia.
As actividades desenvolveranse na Casa da Xuventude de Lugo do 22 ao 27 de xullo, cun programa que inclúe obradoiros de xestión emocional, arte terapéutico, comunicación non violenta, biodanza e unha andaina introspectiva polo Camiño de Santiago. O proxecto conta coa colaboración de profesionais como psicólogos, alumnos da Escola Ramón Falcón, traballadores xuvenís e unha guía especializada no Camiño.
Durante a actividade, os mozos desenvolverán ferramentas para xestionar as súas emocións, comprenderán mellor trastornos como a ansiedade e a depresión, e fortalecerán habilidades como a comunicación, a empatía e o liderado.
“Ademais, o proxecto terá un impacto duradeiro no benestar persoal e a resiliencia dos participantes. Ao dotarlles de estratexias de afrontamento e ferramentas de autocuidado, este proxecto empoderaos para enfrontar os altos e baixos da vida con maior confianza e equilibrio. Non só se beneficiarán os propios mozos, senón tamén as súas familias, escolas e comunidades”, sinalou Simina Tureac, coordinadora do proxecto e representante de Lar de Artemis.
O 27 de xullo, como peche simbólico, os participantes percorrerán unha etapa do Camiño de Santiago desde Lugo, integrando a conexión coa natureza como parte do enfoque terapéutico e vivencial do proxecto. Grazas a esta iniciativa, Lugo convértese durante unha semana nun punto de encontro intercultural para mozos comprometidos coa saúde mental, a inclusión e o cambio social.