A Asociación Lucus Augusti reunirase co PP para abordar a ocupación ilegal de inmobles
A Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo manterá un encontro con representantes Institucionais do Grupo Popular para abordar a problemática actual que sofre a provincia no referido á okupación ilegal de inmobles.
A reunión terá lugar o vindeiro luns, 31 de xaneiro de 2022, ás 20.20 horas no local da Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo, na rúa Luís Ameijide.
Estará encabezada, por parte do Grupo Popular no Congreso, polo deputado nacional Jaime de Olano Vela, que, respondendo o chamamento que, desde a nosa entidade fixemos a pasada semana a teor de novo casos de okupación ilegal no barrio do Sagrado Corazón da cidade de Lugo, aos diferentes representantes Institucionais da nosa provincia, ofrecerá a visión que desde o Grupo Popular exponse, e as medidas concretas que propón, para abordar dita problemática.
Acudirán tamén o deputado nacional Joaquín García Díez; o senador pola provincia de Lugo José Manuel Barreiro; e o deputado autonómico no Parlamento de Galicia, ademais de portavoz do Grupo Municipal no Concello de Lugo, Ramón Carballo.
Por parte da Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo, acudirán os 11 membros da súa Comisión Permanente, encabezada polo seu presidente, Jesús Vázquez Varela; ademais do seu secretario, Luís Abel Fernández; o seu vicepresidente e portavoz, ademais de actual presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” – CoGaVe, Fernando Rois Rois; o seu vicepresidente José Manuel Carballo Vázquez; e os demais integrantes da mesma.
“Desde esta entidade, e tamén desde a CoGaVe, denunciamos en multitude de ocasións que a situación actual en materia de okupación ilegal pon en serio risco a garantía da propiedade privada, que constitúe a nosa primeira demanda aos representantes Institucionais” afirma a Asociación.
“Agardamos que dita reunión sexa en todo punto proveitosa, e redunde, na práctica, na adopción de medidas que manifesten unha toma de conciencia real dun gravísimo problema que afecta a miles de persoas en Galicia –tamén no resto de España- e, por suposto, tamén na provincia e capital lucenses” finaliza o representante da agrupación veciñal.