A Asociación Lugo Monumental valora negativamente os cambios do tráfico do Goberno Local

A Asociación Lugo Monumental valora negativamente os cambios do tráfico que o Goberno Local executa desde hoxe, día 9, xa que os vehículos regresen a Rúa Nova, en plena campaña do Nadal e no día en que se volve a activar o Bono Comercio da Xunta de Galicia, “o que supoñerá un incremento no número de cidadáns que acudan ao pequeno comercio, pero tamén as molestias que han de sufrir”, consideran desde a asociación.
Así, inciden en que esta “mala planificación das obras e dos percorridos dos vehículos foi a tónica dominante durante todo este tempo, pero é chocante que precisamente que se elixiron estas datas, en plena campaña do Nadal, para que o tráfico volva transitar por unha rúa que xa recuperara, ata certo punto, a súa normalidade peonil”, critican.
Desde Lugo Monumental explican que, no seu momento, propúxose retirar as molestias durante esta crítica campaña para o comercio, “e xustamente optouse polo camiño contrario: incrementalas”.
“Cinco meses despois, cale San Marcos seguiu soportando un tráfico que non era necesario, cos consecuentes accidentes peonís e o dano ás laxas, que se seguen levantando sen que se fagan as reparacións oportunas”, argumentan.
Ademais, reiteran a suxestión de poñer unha lona de goma resistente en San Marcos e Rúa Nova para “evitar a deterioración do firme e que se levanten as lousas e se produzan accidentes”, conclúen.