A asociación Lugo Rural Importa reclama o arranxo das rúas da cidade

A Federación de Asociacións de Veciños Lugo Rural Importa vén de facer pública a súa fonda preocupación polo estado actual do firme en múltiples rúas do Concello de Lugo, unha situación que cualifican de “lamentable” e que, segundo denuncian, compromete gravemente a seguridade viaria, a comodidade de peóns e ciclistas, e mesmo o mantemento dos vehículos particulares e do transporte público.
Desde a federación alertan de que fochancas, afundimentos, gretas e desperfectos son xa unha paisaxe habitual en moitos barrios da cidade. Exemplifican esta situación con vías como a Rúa Río Eo, a Rúa Poeta Noriega Varela ou a Rolda das Fontiñas, á altura do número 286, "onde os danos son visiblemente persistentes e dificultan unha circulación segura e fluída". Ademais, critican a falta de actuacións eficaces e a ausencia de respostas claras por parte da área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello.
A entidade veciñal subliña a paradoxa de que, mentres desde o goberno municipal se anuncian medidas de "calmado de tráfico", como a instalación de pasos de peóns elevados, na práctica o deterioro do pavimento actúa xa como mecanismo involuntario de redución de velocidade, pero cun impacto moi negativo na seguridade viaria e no estado dos vehículos.
A situación viuse agravada polas intensas choivas rexistradas na xornada de onte, que puxeron en evidencia as carencias do sistema de drenaxe urbano. Rúas como Fontiñas quedaron completamente anegadas, as arquetas rebentaron pola presión da auga e os accesos á cidade quedaron colapsados, segundo recolleron os servizos de emerxencia. Desde Lugo Rural Importa alertan de que episodios coma este, cada vez máis frecuentes, "amosan unha preocupante falta de mantemento e previsión nas infraestruturas urbanas".
Por todo isto, a federación veciñal esixe ao Concello de Lugo unha actuación urxente e planificada que contemple a reparación inmediata dos puntos máis críticos; a posta en marcha dun plan integral de mantemento periódico do firme urbano, adaptado ás condicións climáticas, e a creación dun canal de comunicación directo coas asociacións veciñais para a detección áxil de incidencias.
"A situación non é só un problema estético, senón unha cuestión de seguridade cidadá", afirman desde a federación, que advirte dos custos económicos e persoais que esta "deixadez" pode supoñer para os lucenses.
Critican, ademais, a falta de avances reais a pesar do tempo transcorrido desde a toma de posesión dos actuais responsables da área municipal, e sinalan retos persistentes como o mal estado do firme, a ausencia dunha infraestrutura de drenaxe adecuada ou a toma de decisións sen consenso veciñal.
"Lugo precisa solucións integrais e participativas que respondan ás necesidades reais da veciñanza", conclúen, ao tempo que fan un chamamento firme ao goberno municipal para que priorice esta problemática. "Estamos dispostos a colaborar, pero non imos quedar calados ante a inacción institucional. Abonda xa de remendos e promesas: Lugo necesita rúas seguras, transitables e dignas", conclúen.