A Asociación Máis Debate e o Concello de Portomarín abordan os retos da mocidade lucense
O Pazo Xeral Paredes de Portomarín converteuse no escenario central do debate público provincial, grazas a unha iniciativa organizada pola Asociación Máis Debate en colaboración co Concello de Portomarín.
O evento reuniu a 30 representantes de diversas institucións para reflexionar sobre problemas clave como o estancamento no interior de Galicia e a fuga de talento local.
A xornada estruturouse en mesas de diálogo nas que participaron deputados autonómicos, alcaldes mozos da provincia e concelleiros de once municipios. Entre os puntos de consenso acadados destacaron a necesidade de promocionar a marca Lugo como unha provincia cunha das mellores calidades de vida do país e o impulso da formación profesional como ferramenta para reter talento.
Tras as sesións de debate, a asociación ofreceu unha formación en oratoria e comunicación efectiva, na que se abordaron conceptos fundamentais e se realizou unha demostración práctica.
Óscar Rodríguez, presidente de Máis Debate, destacou a importancia do evento, sinalando que "xornadas coma esta permiten identificar necesidades comúns dende o consenso e o respecto a diversas sensibilidades políticas". Tamén describiu a dinámica como “afastada do habitual enfrontamento político, logrando ser moi construtiva”.
Pola súa banda, o alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, expresou a súa satisfacción por acoller a iniciativa, afirmando: "É un pracer para nós apoiar este tipo de actividades, e desexamos todo o éxito a Máis Debate".