A Asociación Más Debate imparte unha formación intensiva sobre oratoria e debate na USC

LugoXa
Óscar Rodríguez de Vivero, proclamado mellor orador de España e subcampión do mundo de oratoria, é un dos encargados de impartir este curso
cursos-de-oratoria-USC
20 Nov 2024

Estudantado e profesorado do Campus de Lugo está a recibir formación intensiva en oratoria e debate, un curso impartido por especialistas da Asociación Más Debate que contará cun total de doce horas lectivas.

O programa abarca técnicas de construción de discursos, estratexias para debater en público, leccións de linguaxe non verbal e paraverbal e métodos para mellorar a autoconfianza e a capacidade de expresión verbal.

Arredor de 60 participantes profundarán de balde, e ao longo de seis sesións, nas claves para mellorar a forma na que expresarse en público.

As persoas participantes aprenderán, a través desta acción formativa, a articular as súas ideas de maneira efectiva, a analizar temas complexos dende diferentes perspectivas e a expoñer argumentos sólidos ante a audiencia.

Este curso responde ao obxectivo do campus lucense de mellorar as habilidades profesionais dos seus estudantes e as capacidades comunicativas do persoal docente.

Óscar Rodríguez de Vivero, proclamado mellor orador de España e subcampión do mundo de oratoria; Manuel Maseda organizador de competicións internacionais de debate, Saúl Corredoira e Antonio Platero, ambos con numerosos premios en torneos a nivel estatal; son os encargados de impartir esta acción formativa.

O curso forma parte dun conxunto de accións máis amplas que Más Debate ten planeadas en colaboración coa USC para expandir a formación en oratoria e debate en Galicia, co obxectivo de establecer unha rede cunha mocidade altamente capacitada en competencias comunicativas en toda a comunidade.

0.23900818824768