A Asociación Más Debate impulsa o I Torneo de Oratoria Letras Galegas

LugoXa
O certame terá lugar o vindeiro 10 de maio no Colexio Fingoi, a partir das 10:00 horas e tanto os enfrontamentos como as sesións formativas estarán abertas ao público
Torneo-Más-Debate-Lugo
6 May 2025

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, a Asociación Más Debate promove a primeira edición do Torneo de Oratoria Letras Galegas, unha iniciativa que busca estimular o interese pola lingua, a literatura e a identidade cultural galega entre a mocidade.

O certame terá lugar o vindeiro 10 de maio no Colexio Fingoi, a partir das 10:00 horas e tanto os enfrontamentos como as sesións formativas estarán abertas ao público ata completar capacidade.

Logo do éxito colleitado no Torneo Lugo Debate, a organización aposta desta vez por contar coa implicación de estudantes de 1º e 2º da ESO, procedentes de seis centros educativos da provincia de Lugo, así como de institutos das provincias da Coruña e Pontevedra. Os equipos estarán compostos por dúas ou tres persoas oradoras e un docente de referencia. A actividade desenvolverase integramente en galego.

O torneo estrutúrase en tres probas principais por cada enfrontamento. A primeira, denominada 'Declamación'”, consistirá na recitación interpretativa de textos con valor literario, histórico ou social. A finalidade é que os participantes transmitan emocións e mensaxes mediante a voz e a expresión oral. Os textos seleccionados pertencen a Manuel Rivas, ao Centro de Estudos Fingoi e a Ana Romaní.

Na segunda parte, chamada 'O Elevador', cada orador realizará unha intervención breve e impactante para poñer en valor figuras destacadas da cultura galega, como Araceli Herrero Figueroa, Antonio Fernández López, Xesús Alonso Montero, Carmen Blanco, Isaac Díaz Pardo ou María do Carmen Kruckenberg.

A terceira e última proba leva por título 'Tecendo historias'. A partir dunha ficha cun relato resumido en frases curtas, dúas persoas do mesmo equipo crearán unha narración oral improvisada e compartida, intercambiando a palabra cada 20 segundos durante dous minutos. O reto será construír un relato fluído, coherente e atractivo, demostrando creatividade e coordinación.

Un dos aspectos máis novidosos deste torneo será a participación, como parte do xurado, de quen resultou gañador no Torneo Lugo Debate celebrado entre o 3 e o 5 de abril de 2025. Esta nova figura denominarase 'xuíz novel' e recibirá formación específica por parte do equipo organizador, co obxectivo de reforzar a comunidade educativa e debatera que xira arredor da asociación.

⚙ Configurar cookies
0.10911202430725