A Asociación Oliveira Casás critica a Xunta polo aparcadoiro da avenida de Breogán

A Asociación de Veciños Oliveira Casás de Lugo expresou o seu malestar polo estado do aparcadoiro da avenida de Breogán, unha actuación promovida pola Xunta de Galicia na capital lucense. O colectivo acusa á Administración autonómica de executar unha obra “deficiente”, que —segundo sosteñen— provocou inundacións nas vivendas do contorno e obrigou a realizar novos investimentos públicos para paliar os danos.
Os representantes veciñais sinalan que, tras as primeiras incidencias, a Xunta decidiu destinar máis fondos á intervención co obxectivo de corrixir os problemas xerados pola execución, unha decisión que cualifican como exemplo da “técnica do bombeiro pirómano”.
A entidade asegura que, malia estas actuacións adicionais, o aparcadoiro continúa sen funcionar correctamente e que existen incumprimentos respecto ao proxecto inicial. Entre as deficiencias que denuncian mencionan novos atascos, falta de subministro hídrico para as zonas verdes, ausencia de cargadores eléctricos, deficiencias na recollida de augas pluviais e problemas nos desaugadoiros.
A asociación acusa a Xunta de “derroche de recursos públicos” e considera que os erros da obra evidencian “incompetencia e falta de planificación”. Por iso, propón que responsables políticos como Elena Candia e Javier Arias asuman persoalmente os custos derivados das correccións, ao entender que “o diñeiro público debe ser tratado con responsabilidade e rigor”.
Desde o colectivo veciñal reclaman transparencia, explicacións públicas e garantías de que a infraestrutura funcionará correctamente sen máis desembolsos públicos.