A Asociación Palimoco recibe o premio Xuventude Crea a mellor peza teatral
A Xunta celebrou no Salón Teatro de Santiago de Compostela a fase final da modalidade de teatro do programa Xuventude Crea 2022. O Goberno galego galardoou as mellores pezas teatrais nesta cita que contou coa participación de seis obras.
Tanto o primeiro premio como o segundo foron compartidos. Os gañadores foron Vórtice Escénico, representado pola viguesa Ana Fernández Sánchez, coa obra Asfixia; e a Asociación Palimoco Teatro, de Lugo, con E se todo se reducise ao amor. No segundo posto quedaron o coruñés Javier Castiñeira, por Brazaletes, e o grupo de Jacobo Mo, de Ponteareas, coa peza Só se aplaude ao final.
A peza gañadora presentada polos lucenses de Palimoco Teatro, E se todo se reducise ao amor, é unha interpretación centrada nas obras do autor Federico García Lorca. Os gañadores recibirán unha gratificación repartida de 3000 euros.
A escola Palimoco Teatro e Danza estará mañá cunha actuación no cemiterio municipal de San Froilán representando Don Juanín ás 19.30.