A Asociación Porta de Lugo reclama melloras no transporte e nos servizos de Sagrado Corazón

LugoXa
O colectivo pide ampliar o servizo de autobús e o horario do centro social, así como reparar pasos de peóns e baches que afectan á mobilidade e á calidade de vida do barrio
centro_convivencia_sagrado_corazon
29 Nov -0001

A Asociación Veciñal Porta de Lugo, do barrio do Sagrado Corazón, trasladou ao Concello de Lugo unha serie de demandas urxentes que, segundo sinala, afectan directamente á calidade de vida e á mobilidade da veciñanza.

O colectivo denuncia que o servizo de autobús urbano que dá cobertura ao barrio resulta insuficiente, xa que o vehículo que presta o servizo é de pequena capacidade, o que provoca que moitas persoas —entre elas nais e pais con carriños de nenos— queden sen poder acceder ao bus por falta de espazo. Por este motivo, solicitan que se amplíe o servizo con autobuses de maior capacidade ou se incremente a frecuencia das liñas que chegan ao Sagrado Corazón.

A asociación reclama tamén que se habiliten liñas directas de autobús desde o barrio ata o cemiterio municipal e o campus universitario, para que os veciños e veciñas poidan desprazarse a estes lugares sen ter que facer transbordos nin longos tramos a pé.

Ademais, Porta de Lugo advirte do mal estado dalgúns pasos de peóns, que precisan ser repintados con urxencia, e da existencia de baches e deficiencias no pavimento de varias rúas. Por iso, solicita unha intervención municipal de mantemento e mellora viaria que garanta a seguridade e o bo estado das vías do barrio.

Finalmente, atendendo ás peticións da veciñanza, a asociación pide que se amplíe o horario de apertura do Centro Social do Sagrado Corazón, permitindo a súa apertura os domingos pola tarde, co obxectivo de favorecer a convivencia e a participación cidadá, especialmente entre as persoas maiores e as familias que fan uso deste espazo como punto de encontro.

Desde a Asociación Veciñal Porta de Lugo agradecen de antemán a atención ás súas demandas, que —subliñan— responden á vontade colectiva do barrio de mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da súa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.13115096092224