A asociación Sagrado Corazón promove campamentos deportivos en Lugo, Castro e Portomarín
A Xunta de Galicia colabora coa Asociación Prestadora de Servizos á Xuventude Sagrado Corazón na organización do campamento deportivo que desenvolverá entre os días 24 e 28 de xuño en distintas sedes de Lugo, Castro de Rei e Portomarín. A iniciativa foi presentada na Delegación Territorial de Lugo polo delegado, Javier Arias, e o responsable da entidade, Óscar Engroba.
AXSC Multicampus ofrece distintas modalidades deportivas, como fútbol, baloncesto, voleibol, tenis, pádel ou danza moderna, dirixidas por adestradores profesionais. Cada participante escolle unha disciplina, a que adicará unha importante parte da xornada, especialmente en horario de mañá. Polas tardes realizarán actividades como tiro con arco, manexo de drons, piscina e outras propostas de ocio. Ademais, pasarán un día no parque acuático de Cerceda.
Ofertan 150 prazas en cada sede, para menores de entre 6 e 14 anos, e as inscricións poden realizarse ata este xoves a través da páxina web do campamento. O horario será de 10.00 a 19.30 horas, con opción de adiantar a entrada -desde as 8.30 horas- para facilitar a conciliación das familias.
Así mesmo, os campamentos de Castro de Rei e Portomarín contarán con servizo de transporte para nenos e nenas dos municipios da contorna. No primeiro caso, un autobús recollerá aos participantes de Outeiro de Rei, Cospeito, Meira e Pol. A Portomarín irán dúas rutas: a primeira por Sarria e Paradela, e a segunda por Antas de Ulloa e Monterroso. Entre as accións previstas figura un acto promocional de apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, que se celebrará en Portomarín o martes, día 25, pola mañá, e reunirá a todos os participantes dos tres campus.