A Asociación Terras de Magoi e Fingoi pide un parque infantil e outro biosaludable na Carballeira

LugoXa
A entidade veciñal reclama tamén a reparación do mobiliario existente e defende unha actuación respectuosa co entorno natural deste espazo na Estrada da Granxa
Festa-A-Carballeira-2025-Lugo
9 Jul 2025

A Asociación Veciñal Terras de Magoi e Fingoi vén de solicitar ao Concello de Lugo, en concreto á concellería de Medio Ambiente, a instalación dun parque infantil e outro biosaludable na Carballeira de Campos Novos, situada na Estrada da Granxa.

A proposta xorde como resposta á crecente demanda das familias e das persoas maiores do barrio, que botan en falta espazos próximos para o lecer e o exercicio físico. A entidade veciñal considera que a Carballeira de Campos Novos é un lugar idóneo para este tipo de equipamentos debido á súa localización, amplitude e valor natural, que permiten promover hábitos de vida saudables e a convivencia interxeracional.

Desde a asociación insístese en que calquera intervención debe garantir a preservación íntegra da carballeira, sen danar as árbores nin o seu contorno, e proponse un deseño integrado que respecte a paisaxe. Tamén se salienta que a zona conta con numerosas prazas de estacionamento, o que facilitaría o acceso sen provocar problemas de mobilidade ou saturación.

Ademais da instalación dos novos equipamentos, a asociación solicita a rehabilitación e reparación das mesas e bancos xa existentes na zona, co obxectivo de mellorar as condicións actuais deste espazo natural.

Estas iniciativas, segundo sinalan desde a entidade, buscan mellorar a calidade de vida do barrio, fomentando o aproveitamento responsable dun lugar que pode ser desfrutado por todas as idades e que debe ser coidado e protexido.

⚙ Configurar cookies
0.17743611335754